Páginas

xoves, 27 de febreiro de 2020

Iniciados os talleres de robótica na biblioteca.

Iniciamos os talleres de robótica dirixidos ao alumnado de quinto e sexto de man do noso profe Isma! Que será que será o que imos deseñar?

luns, 17 de febreiro de 2020

CONCURSO DO ENTROIDO NO VALADOURO

No taboleiro de exposicións que temos na entrada principal do centro, hai unha cartelería con imaxes sobre o Entroido, os días máis sinalados e tamén os nomes dos entroidos máis populares de Galicia, quizáis non estean todos pois dentro do país todos son  moi importantes pero é un breve acercamento a  nosa tradición.

Comezamos o concurso tratando de enlazar cada imaxe con cada nome. Vexan a foto, participen e logo depositen a súa opción no buzón da entrada da biblio. 

A data límite será o xoves 20.

DÍA DE ROSALÍA

A biblioteca cede un  espazo á realización da actividade de homenaxe a Rosalía de Castro mediante a ilustración  dos seus poemas. Así pretendemos amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra ... 
Unha Rosalía ás veces divertida, outras reinvindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra muller. Poemas para honrar á nai das nosas letras. 
No noso colexio , en cada nivel.  aportamos unha estrofa de Rosalía pequeniña co seu debuxo interpetativo das súas letras, para todo elo pegalo nunha composición no taboleiro da entrada, pasando a ler o poema, a cantalo i resaltando así a icona desta nosa escritora.




ROSALÍA PEQUENIÑA

Rosalía pequeniña
soñaba con ser pirata
a pequena Rosalía
escribía na nosa fala.

A meniña silandeira
a da fala ben mainiña
pequeniña, pequeneira
unha meniña gaiteira.


Rosalía pequeniña
medio meiga, medio fada
ao pé da verde silveira
chamando pola alborada.


A rebelde e rebuldeira
non é musa nin postal
sube ás  ponlas das figueiras
e alí déitase a soñar.


Rosalía, Rosalía...

Rosalía pequeniña
vestida de moitas cores
que non canta nin ás pombas
nin ás delicadas flores.


Rosalía, nena india
poeta dos nosos días
que pos no sentir do pobo
badaladas de alegría.


Rosalía pequeniña
medio meiga, medio fada
ao pé da verde silveira
chamando pola alborada.


A rebelde e rebuldeira
non é musa nin postal
sube ás ponlas das figueiras
e alí déitase a soñar.

Rosalía, Rosalía...

Rosalía, rosa, Rosalía
Rosalía, nosa rosa



venres, 7 de febreiro de 2020

O casamento dos paxariños


O día 2 de febreiro, di a tradición galega que é o dia que casan os paxariños.
Coincide esta data coa celebración do Imbolc, celebración celta vencellada ao lume, que en Iranda foi cristianizado como o día de Santa Bríxida e aquí coma o día  da Candelaria, traducido no costume de acender candeas este día.
Sinala este día o retorno das aves migratorias e os cortexos que anuncian a volta de primavera.
Esta data serve para anunciar a chegada máis ou menos da próxima primavera.

Teremos unha rama de árbore con moitos paxariños pegados e destes sairán as verbas máis bonitas de lingua galega, desde a perspectiva do alumnado.



San Valentín



Xa temos habilitado na nosa biblioteca o buzón para escribir cartas de amizade, mostrando o aprecio e virtudes d@s compañeir@s do centro. Así pois, será unha oportunidade para establecer e reafirmar os lazos de amizade entro o noso alumnado.
O venres 14 será o día de festexar esta tradición, polo que haberá un Cupido encargado de repartir as cartas na hora de lectura.

Chegou o día e repartíronse as cartas, as sorpresas e caras con sorriso foron maioría,  prevalecendo a amizade  e reinando o amor neste día para que sexamos un chisquiño  máis felices.